Inici > Traduccions de la Ilíada > Evaristo de Sela, traductor d’Homer al gallec

Evaristo de Sela, traductor d’Homer al gallec

.

.

.

.

Iliada - SelaTense dito que os poemas homéricos foron a Biblia do pobo grego. Na Ilíada e na Odisea, buscaban os Gregos as normas da súa moral e as solucións máis axeitadas para cada momento. Os versos de Homero foron a escola da Grecia enteira. Versos houbo dos que se serviron ata para adiviñas e curacións.

A Ilíada, en particular, foi o monumento primeiro e o fundamento de toda a literatura dos Gregos. E tamén foi, pola data e polo seu valor literario, a primeira creación poética de Europa. A súa importancia como obra de arte, foi constatada en tódolos tempos, por veren nela unha das creacións máis grandiosas do espírito humano.

A Ilíada de Homero é un poema épico, que se desenrola dentro da guerra de Troia. Por máis que dela só narra, en conxunto, 51 días do décimo ano de asedio, rematando o poema antes de ser tomada a praza polos Gregos. O seu tema central é a cólera de Aquiles, coas consecuencias funestas, que dela se derivaron. Na súa forma actual, parece que foi composta nun porto xonio da Asia Menor, arredor do ano 725 a. C.

Hoxe sabemos que a guerra de Troia existiu, como crían os gregos da antigüidade, e que a toma da cidade aconteceu no 1250 a.C. (a Troia VII a de Carl W. Blegen). Por certo, esta guerra, para algúns historiadores, foi xa un conflicto entre a Europa e a Asia (Heródoto, Tucídides) e, para outros, foi unha loita entre Gregos, os Acaios de Micenas contras os Eolios de Troia, por rivalidade económica, e só serían asiáticos grande parte dos aliados dos Troianos (André Bonnard). Maila sociedade evocada na epopeia non parece corresponder a esa data do mundo micénico, nin á época da composición da Ilíada, senón máis ben a unha sociedade tal como a que existía no século X a. C.  (M.I. Finley).

Os relatos da guerra de Troia, que, andando o tempo, darían lugar á Ilíada, tiveron, primeiro, durante séculos, unha existencia oral (nos tempos dos aedos ou cantores) e, despois, escrita (cos rapsodos ou recitadores). Homero, ó se valer deles, para crea-la súa epopeia, tal vex destacou máis o modo de vida dunha época determinada. En todo caso, a Ilíada non é froito dunha copia realista da vida, senón o resultado feliz dunha exornación poética, que un extraordinario poeta elaborou.

De Homero, pouco o nada sabemos. Nada está demostrado nin sobre cando viviu, nin en que sitio naceu, nin onde viviu e morreu. O que sobre Homero sabemos é o froito dunha elaboración lexendaria. Mais, iso si, Homero existiu. Existiu un Homero de carne e oso, en Quíos, en Esmirna, ou noutra banda calquera, que planeou e deu forma á Ilíada. Esíxeo así a unidade de conxunto do poema. E demándano os «toques maxistrais», cos que certos personaxes son, ó longo da obra, caracterizados (Schadewaldt).

A Ilíada é a epopeia de Ilio ou da guerra de Troia. Mais non da guerra en si, senón dun momento crítico da mesma. Os Acaios (Arxivos ou Dánaos), que andan na guerra de Troia, son postos en trance dun completo desastre pola cólera e o rancor de Aquiles na contra de Agamenón. A cousa foi que Agamenón, o rei de reis, o comandante supremo da guerra diante dos muros de Troia, aldraxou a Aquiles, o mellor e máis valente guerreiro, arrebatándolle, á vista de todos, a súa parte no botín de guerra. Aquiles, despeitado, retírase ás súas tendas de campaña e deixa de combater. Mais, non parou niso a cousa. Pediulle á súa nai Tetis, que era unha deusa, que fose ter con Zeus, para que o deus dese a victoria ós Troianos, en tanto que Agamenón non reparase a honra do seu fillo. E así foi. Desde entón, déronse catro batallas. A primeira quedou indecisa e a segunda xa foi francamente desfavorable ós Acaios, que lle mandan a Aquiles unha embaixada, para que volte ó combate; mais el non cede, porque aínda segue nas súas. A terceira batalla puxo en grave perigo á armada toda dos Acaios, poilos Troianos, co grande Héctor á súa cabeza, chegaron a prender fogo a unha nave. Aquiles entón consente que vaia ó combate, en vez del, o seu compañeiro Patroclo, armado coas súas armas. E Patroclo rechaza, si, ós Troianos, mais sucumbe na loita, rematado por Héctor, fillo do rei de Troia. E agora dase a cuarta batalla. Aquiles depón, ó fin, a súa cólera e o seu rancor e sae ó combate con novas armas divinas, dando morte a Héctor, do que profana ó cadáver, ó tempo que lle fai honras ó cadáver do seu amigo Patroclo. O propio Príamo, o rei de Troia, ten que se baixar a Aquiles para que lle entregue o corpo do seu fillo. Aquiles accede por razóns de humanidade.

Maila Ilíada é máis ca un poema de guerra ou un poema de paz. A Ilíada é o vivo retrato da totalidade da vida humana. Nela aparece plasmado o destino do home con tódolos seus afáns e traballos. Os heroes actúan constrinxidos por forzas que son superiores a eles. É o poema da dor humana. Por iso xa Platón dixo de Homero, que fora o mestre primeiro e o guía dos tráxicos todos, que detrás del viñeron.

Mais é preciso afacerse un ós rasgos típicos do estilo épico de Homero, que sempre se expresan nun verso único: o hexámetro ou hexapodia dactílica. Abondan as repeticións de partes de verso ou de versos enteiros, dentro dun lento fluír da narración. O poeta non parece ter présa. A acción vai progresando en cámara lenta. As comparacións («coma…», «coma cando…»), que a cada instante saen ó paso, interrompen a marcha, para mostraren máis plásticamente o relato, para recordaren un caso igual ou semellante, para entreteren… Son, case sempre, verdadeiras estampas tomadas da vida real, que ás veces se estenden máis alá do preciso. Todas elas denotan unha profunda observación poética sobre a naturaleza e os seus fenómenos. O epíteto fixo é outro dos rasgos do estilo de Homero. Aí van unhas mostras, por vía de exemplo. A «rhododáctylos Eos»: a Aurora, de dedos de rosa; a «khrysóthronos Here»: a Hera de trono de ouro; a «theá glaukopis Athene»: Atena, a dos ollos brillantes, ou, tal vez, a de ollos de curuxa; os «kare komóontas Akhaiói»: os Acaios, de longas cabeleiras nas cabezas; o «polymetis Odysseus»: o moi enxeñoso Ulises; o «nepheleguereta Zeus»: Zeus, o amontoador de nubes… E tamén, as fórmulas estereotipadas. Velaquí algunhas: «phílen espatrida gaian»: para a súa terra querida; «dúpesen dé pesón»: e estrondou ó vir ó chan; «epos t’éphat’ek t’onómadsen»: e dirixíalle a palabra e chamábao polo seu nome; «hóspháto, meídesen dé»: así dixo e sorriuse; «tón (tén) d’aute proséeipe»: e á súa vez respondeulle; «épea pteróenta proséuda»: palahras aladas lle dirixía…

Con todos estes recursos, a seu tempo ben combinados, «o máis grande poeta», «o máis divino dos poetas», «o pai da poesía», como tantas veces ten sido chamado, entretexeu a epopeia grandiosa da condición humana, coa loita desigual do home, contra a morte e o destino, que só na gloria imperecedeira pode encontrar un vislumbre de triunfo. O «morra o home e fique a fama», dos nosos irmáns portugueses.

O texto da Ilíada consta, na súa vulgata, de 15.693 versos, que dividiu o gramático alexandrino Zenódoto en 24 cantos, dunha extensión semellante, servíndose das letras do alfabeto grego. Cada canto ven cun título e contén un relato seguido. Tratei de buscar, en cada un deles, unhas partes, ou pequenos cadros, facendo a conseguinte división. Na traducción, procurei axustarme ás palabras de cada verso, coa máxima fidelidade, buscando certa harmonía, ante a imposibilidade de imita-lo ritmo orixinal. Non se trata, pois, dunha traducción en verso. É unha traducción palabra a palabra, frase a frase, verso a verso, harmoniosa, o máis rítmica posible, mais sen se ater a métrica algunha. O que máis importa, en todo caso, é interpreta-lo pensamento do poeta. Por outra parte, Homero só é Homero nos seus hexámetros inmortais.

Poden chama-la atención, na traducción, os plurais en -oi e en -ai. Son debidos á transcripción de tódolos nomes propios, onomásticos ou topónimos, no caso nominativo, lidos coma no orixinal. Zeus mantémolo así sempre.

E, para remate, permitídeme que faga unha confesión persoal, xa un tanto homerizada. Pasei tempos esquecidos traballando nesta obra, con toda a miña entrega e coa maior ilusión. Coma cando un habilidoso escultor trata de sacar, nun pau de buxo, tal como e la era, á forza de gubia e paciencia, a cara enrugada daquel barbudo velliño, que morrera afogado nos turbillóns do río, ó librar da morte a un afouto cativo. Ou coma cando un incansable labrego, que quere levar un novo anaco de pan para a boca dos moitos fillos, foza e refoza nun pedreguento monte baldío, cofin de o converter nunha terra de moito pan dar. Pois, asteu me esforcei neste duro traballo. ¡Quería que Homero falase galego! E camiñei por camiños que antes ninguén recorrera. El xa estaba, por certo, a falar en tódalas linguas máis importantes do mundo. Non podía, por tanto, deixar de falar no idioma meigo da doce Galicia.

Evaristo_de_Sela

Evaristo de Sela

Evaristo de Sela

Nota preliminar a
Homero
Ilíada
Versión galega de Evaristo de Sela

.

.

.

.

.

.

Evaristo González Fernández, con 19 anos, desertou do Rexemento de Artillería Lixeira nº 15 de Pontevedra nos comezos mesmos do golpe de estado do 36. Rexeitando a barbarie fascista, é condeado por deserción a cadea perpetua vítima da represión. Sofre, logo,  unha “odisea” de cárceres e centros disciplinarios ata lle ser conmutada en 1941 a pena por unha “liberdade provisional” nun tempo de terror e morte deseñado e executado polo novo réxime franquista.

Evaristo de Sela, así coñecido por ter nacido no 1917 nesa parroquia de Arbo, viuse loxicamente condicionado pola ditadura, mais neses anos de prisión dedícase heroicamente a estudar, escribir, aprender. En circunstancias tan duras toma os primeiros contactos con varios idiomas, entre eles, o grego.

Era unha persoa de moita sensibilidade, alimentada pola propia Natureza das paisaxes do seu Miño da  infancia e, elaborada pola súa mente de neno atento, pola Beleza que lle medraba interiormente. A isto engadamos lecturas e poesía. E tamén as vivencias, tan difíciles coma os días.

Todo un universo que dá como resultado inquedanzas e creación: unha descuberta do país, Galiza; unha obra literaria, os dous poemarios  Amar (Vigo, 1945) e o póstumoVersos de preso e outras rimas (2007);  unha dedicación, a docencia, o grego. Unha definición: a entrega á cultura mediante, sobre todo, a tradución.

Sobre isto último quero pararme algo. Evaristo de Sela, poeta, profesor, é, fundamentalmente, o tradutor de Homero ao galego. Pensemos no que iso supón. E contextualicemos non só atendendo a biografía e circunstancias penosas que sofriu o noso autor, senón tamén cavilando a clave nacional do feito: aportar para Galiza a Iliada e a Odisea no noso idioma. Unha tarefa inxente, referencial. A consciencia dunha necesidade. Unha contribución clara a favor do país, da súa cultura, da súa lingua, nas coordenadas conflitivas que o marcan. Comparábel en dimensión, por exemplo, a fitos como o colectivo da Biblia na editorial SEPT ou o do Fausto de Goethe a cargo de Lois Tobío. Unhas traducións senlleiras dende o coñecemento do orixinal (neste caso, o mundo homérico, a lingua grega). Non son paráfrases, polo tanto, como resultaron tantas versións dalgunhas literaturas (pensemos, así,  na rusa que lemos dende o francés, v.g. Tolstoi, Gorki, Dostoievski). Son os resultantes textos completos e fidedignos, e non amputacións nin deturpacións (lembremos que pasou con tantas versión de Aristófanes, Lucrecio, Petronio, etc).

Sendo moi complexo traducir Homero, Evaristo de Sela é quen de, todo á vez, ser intérprete-transmisor-intermediario-poeta. Domina a literalidade e o significado do que ten entre mans e sabe “meterse no corazón” do texto (segundo quería Agustín García Calvo). En palabras de Umberto Eco, é capaz de “dicir case o mesmo” ca Homero. E, simultáneamente, frutifica a “lingua meta”, o galego. De lermos estes dous cantares épicos, alicerce do que  convencionalmente se considera “literatura europea”, disfrutaremos grandemente. Tanta comprensión e tanta capacidade de traballo para brindarnos a todas as galegas e galegos a lectura dos case 28 mil hexámetros das ditas obras requiren, sen dúbida, un amor enorme pola nosa Terra.

A este labor titánico, a esta mostra da súa íntima ilusión e do compromiso con Galiza e o galego (en palabras do propio Evaristo: “quería que Homero falase galego!”) hai que sumar –tamén ao noso idioma- as traducións de poetas contemporáneos (Elytis, Seferis, Kavafis, etc) na póstumaPoesía neohelénica (1708-1977), do 2001, así como os aínda inéditos doutros grandes autores do mundo clásico (Demóstenes, Catulo…).

XOSÉ ABILLEIRA SANMARTÍN

Publicat a: SermosGaliza

.

.

Invocació de la Ilíada a la traducció al gallec d’Evaristo de Sela: 

Canta, deusa, a xenreira de Akhileus Peleiades

.

.

.

Iliada - SelaHomero

Ilíada
Versión galega de
Evaristo de Sela

Consello de Cultura Galega. 1990

ISBN. 8487172598

.

.

.

  1. Encara no hi ha cap comentari.
  1. No trackbacks yet.

Deixa un comentari

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

Esteu comentant fent servir el compte WordPress.com. Log Out / Canvia )

Twitter picture

Esteu comentant fent servir el compte Twitter. Log Out / Canvia )

Facebook photo

Esteu comentant fent servir el compte Facebook. Log Out / Canvia )

Google+ photo

Esteu comentant fent servir el compte Google+. Log Out / Canvia )

Connecting to %s

%d bloggers like this: